João Resende, ante a visita a Unionistas: "Queremos gañar para poder abrir a diferenza"

Pontevedra
05 de novembro 2025

O futbolista portugués do Pontevedra compareceu este mércores ante os medios de comunicación, explicando que a nivel individual "tiven unha pequena lesión pero estou a volver"

João Resende, no partido entre Pontevedra CF e Osasuna Promesas en Pasarón
João Resende, no partido entre Pontevedra CF e Osasuna Promesas en Pasarón / Cristina Saiz

"Estamos motivados e traballando ben para dar continuidade ao bo resultado que tivemos a semana pasada".

Con esas palabras abría este mércores a súa comparecencia ante os medios de comunicación João Resende, desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.

O atacante portugués do Pontevedra Club de Fútbol, que foi dúas veces titular en liga e que segue a buscar un maior protagonismo no equipo, recoñece que "tiven unha pequena lesión pero estou a volver", aínda que máis aló do seu nivel "o máis importante é que todos estean ben, porque en grupo podemos ser máis fortes".

Resende, a preguntas dos xornalistas, valorou as diferenzas da Primeira RFEF española á segunda división portuguesa, da que procede, asegurando que "en Portugal é un fútbol máis físico que aquí, máis de duelos, de chocar. Aquí creo que os equipos buscan xogar máis co balón. Estame a gustar ese tipo de fútbol".

Pola súa banda explica que "todas as posicións de ataque gústanme", estando a disposición do técnico para o que necesite, pero prefire "máis pola esquerda ou por dentro".

João valorou tamén o que significa para o plantel granate o desprazamento do próximo sábado 8 de novembro ao campo de Unionistas de Salamanca, un dos equipos que con 11 puntos marca a fronteira cos postos de descendo.

Ante esta situación, defende, "sabemos que os resultados contra os adversarios directos, como é este, son moi importantes e por iso queremos gañar para poder abrir a diferenza. Aproximarnos ao obxectivo da tempada".

Iso si, Unionistas "é un equipo difícil para xogar na súa casa, como son todos nesta categoría. Pero nós imos coa mentalidade de buscar o tres puntos", asegura o portugués.