Johnny Medina, a mellor 'fichaxe' de inverno para o Teucro

Pontevedra
28 de novembro 2017

O pivote brasileiro, lesionado de gravidade o pasado mes de marzo, recibirá previsiblemente a alta médica o vindeiro xoves reforzando ao equipo nun mes de decembro cargado de partidos. Samu Gómez, recentemente chegado de Palma del Río, tamén se suma esta semana á lista de dispoñibles para Quique Domínguez

Johnny Medina, nun adestramento do Teucro 2017-2018
Johnny Medina, nun adestramento do Teucro 2017-2018 / Mónica Patxot

O vindeiro xoves 30 de novembro o Condes de Albarei Teucro conta con recibir unha esperada e agradable noticia, a alta médica de Johnny Medina.

É a data no que o pivote brasileiro pasará a súa previsible última revisión médica poñendo fin a un longo período de convalecencia, despois de caer lesionado de gravidade o pasado mes de marzo nun encontro de liga.

Agora, oito meses despois e co seu xeonllo plenamente curado, Medina prepárase para volver á competición e faino con ganas de gozar da máxima categoría axudando ao equipo, minguado nas últimas semanas no seu posto pola rescisión de Colasuonno.

A pesar das ganas que recoñece ter, o xogador teucrista non se pon prazos para ir entrando no equipo. "Sé que ha sido una lesión complicada y también el médico me dijo que fuera poco a poco. Todo dependerá de cómo me sienta y de cómo vaya respondiendo la pierna", asegura.

Dependerá pois da decisión de Quique Domínguez, que gaña unha peza importante no equipo especialmente no que á defensa se refire. Unha faceta na que o  Teucro rendeu a gran nivel na última xornada pero que será necesario potenciar durante un mes de decembro cargado de partidos conscientes de que "si defendemos como defendimos ante Valladolid podremos optar a cualquier partido"..

PRIMEIRO DÍA DE SAMU GÓMEZ

Ao regreso tras lesión de Johnny Medina únese esta semana outra volta, a de Samu Gómez, que este martes incorporouse aos adestramentos tras rescindir oficialmente o seu contrato co Palma del Río.

O pivote andaluz reencontrouse cos seus vellos compañeiros este martes nunha xornada con dobre sesión de traballo programada na que o plantel comezou a preparar o derbi pontevedrés de Asobal do próximo sábado en Cangas.