José Ángel Oliveira, destituído como adestrador do Xuventú Sanxenxo

Sanxenxo
02 de marzo 2015

A directiva do club amarelo busca con esta decisión "dar un cambio para ver se somos capaces de cortar esta sangría", recoñece Manolo Veiga. O Sanxenxo encadea nove derrotas consecutivas que lle levaron a caer dende a cuarta á décimo quinta praza e situarse a un punto do descenso

José Ángel Oliveira no partido entre Xuventú Sanxenxo e Laracha
José Ángel Oliveira no partido entre Xuventú Sanxenxo e Laracha / Diego Torrado

A directiva do Club Xuventú Sanxenxo decidiu destituír o seu adestrador, José Ángel Oliveira, en busca de "un cambio para ver se somos capaces de cortar esta sangría", recoñeceu PontevedraViva Manolo Veiga, presidente da entidade.

Esta decisión prodúcese tras encadear o equipo amarelo nove derrotas consecutivas que lle levaron dende a cuarta praza que ocupaba na xornada 18 á décimo quinta que ocupa agora, cun só punto sobre o descenso polos 15 que tiña a final de ano.

Manolo Veiga: "A culpa non é del, pero sempre pasa o mesmo"

Veiga asegurou que "a culpa non é del, pero sempre pasa o mesmo", para completar despois que "o traballo foi bo, o que cambiaron foron os resultados".

Pola súa banda Oliveira, tras coñecer a decisión, quixo agradecer o trato do club nestes oito meses e mostrouse convencido de "que el objetivo era y es posible. En 27 jornadas nunca hemos estado en situación de descenso", declarou a través da súa conta de Twitter.

Polo momento a xunta directiva non tomou unha decisión sobre o seu substituto nin sobre quen se fará cargo do equipo este martes cando se retomen os adestramentos.