José Barcala, de Meaño a gañar a Bundesliga co Bayern

O Salnés
23 de abril 2026

O Bayern Múnic asegurou este mércores o título de campión da Bundesliga Feminina por cuarta tempada consecutiva, e fíxoo cun meañés como José Barcala á fronte do equipo

José Barcala durante un adestramento do Bayern
José Barcala durante un adestramento do Bayern / FC Bayern - Sofieke van Bilsen

De Meaño a levantar toda unha Bundesliga.

O Bayern Múnic proclamouse este mércores de maneira matemática como campión da Bundesliga Feminina por cuarta tempada consecutiva, e fíxoo esta vez cun meañés como José Barcala á fronte.

O técnico, que aterrou o pasado verán en Alemaña procedente do Servette suízo, alzou o seu primeiro gran título no país xermano a catro xornadas para o final do torneo.

Foi grazas a un triunfo por 2-3 no campo do Unión Berlín que colocou o Bayern con 64 puntos, 15 de vantaxe sobre o Wolfsburgo.

Tras unha carreira que lle levou a formar parte do Real Club Deportivo da Coruña, o Brisbane Roar australiano ou o Girondins de Bordeus, agora Barcala inicia con bo pé o reto no Bayern Múnic, co que ten contrato até o 30 de xuño de 2027.

José Barcala, nun adestramento do Bayern
José Barcala, nun adestramento do BayernFC Bayern - Sofieke van Bilsen

"Sinto orgulloso de formar parte do FC Bayern München", recoñeceu na súa presentación ao comezo de tempada.

"Nun club de primeira categoría, moitas cousas mídense en función dos títulos. Á parte diso, para min é unha boa tempada se ao final podo dicir que axudamos as xogadoras a mellorar individualmente quizais un cinco por cento e que o equipo se converteu nunha versión mellorada de si mesmo: máis flexible, máis constante, máis resistente. Un equipo que fai feliz á xente, que esperta emocións e do que os afeccionados senten orgullosos. Para min, é máis importante a forma en que gañamos e perdemos que o resultado final, aínda que, por suposto, ese sexa o obxectivo", defendeu tamén nunha recente entrevista publicada na web do seu club.

A Bundesliga era o primeiro obxectivo dunha tempada na que agardan aínda retos de altura, empezando polas semifinais da UEFA Women's Champions League, nas que se medirán ao todopoderoso Fútbol Club Barcelona, coa ida da elimintaoria este mesmo sábado 25 de abril en Alemaña.

Ademais o Bayern aspira a levantar a Copa de Alemaña, clasificado xa para a gran final que terá lugar o 14 de maio en Colonia fronte ao Wolfsburgo.