O Club Waterpolo Pontevedra encamíñase cara a un proceso electoral para elixir novo presidente, tras a renuncia ao cargo de José Tellería.
O que foi máximo representante do club pontevedrés desde o ano 2018 anunciou a súa marcha "con efecto inmediato" alegando "motivos persoais e profesionais".
"Trátase dunha decisión moi meditada e que xa está tomada desde fai uns meses como ben sabe a Xunta Directiva, pero chegou o momento de facela efectiva, pensando sempre no mellor para os intereses do club e sen que este paso supoña un problema na xestión do día a día da nosa entidade. Unha vez que a actual temporada xa está totalmente encauzada e os principais trámites administrativos e de organización de competicións están cubertos, é o momento máis adecuado para dar o relevo a un novo equipo directivo que teña marxe de tempo para reflexionar, planificar e conformar a dirección do club para o futuro máis inmediato", explicou Tellería nun comunicado.
"Nas circunstancias actuais non podo dedicarlle o tempo, a enerxía e todos os esforzos que son precisos para seguir desempeñando as funcións de presidente do mellor xeito posible para os intereses do club", afirma.
Coa súa marcha o Club Waterpolo Pontevedra abre agora un proceso electoral. Farao coa convocatoria dunha Asemblea Xeral Extraordinaria que se celebrará o próximo 23 de febreiro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.