Joselyn Brea e Víctor Riobó vencen na XX Milla Urbana San Miguel

Marín
01 de outubro 2017

Centos de atletas déronse cita na popular proba deportiva celebrada este sábado en Marín. O Club Deportivo Pinarium visibilizou cunha protesta o seu malestar pola suspensión da carreira Pinga Pinga

XX Milla Urbana San Miguel de Marín Diego Torrado

Centos de deportistas gozaron un ano máis coa XX edición da Milla Urbana San Miguel en Marín.

A céntrica Avenida de Ourense acolleu de novo a cita deportiva, con máis de dúas horas de actividade grazas ás diferentes probas de categorías inferiores e tamén a carreira popular de 5.000 metros que se organizaba por primeira vez de forma paralela.

O prato forte da Milla Urbana San Miguel quedou para o final, coas probas elite nas que se impuxeron os grandes favoritos.

Joselyn Brea foi a vencedora absoluta na categoría feminina cun tempo de 4 minutos e 55 segundos, tres segundos de vantaxe sobre Leticia Fernández e catro sobre Ester Navarrete, segunda e terceira respectivamente.

En canto á proba masculina o local Víctor Riobó foi o máis rápido (4'26'') superando no sprint final a Gonzalo Basconcelo e Carlos Porto, que completaron o podio.

Consulta aquí os resultados completos da XX Milla Urbana San Miguel en todas as categorías.

Durante a xornada o Club Deportivo Pinarium visibilizou ademais o seu malestar pola suspensión da carreira Pinga Pinga de Santo Tomé de Piñeiro, que estaba prevista para o vindeiro sábado 7 de outubro.