Juan Saavedra debuta cun cuarto posto nos seus quintos Xogos Paralímpicos

Pontevedra
01 de setembro 2021

O tirador pontevedrés quedou a só 0.2 puntos da medalla de bronce no tiro con rifle de aire comprimido sobre a distancia de 10 metros. O día 5 terá unha nova oportunidade de conseguir o segundo metal do seu palmarés paralímpico no concurso sobre a distancia de 50 metros co mesmo rifle.

O tirador pontevedrés Juan Saavedra participa nos Xogos Paralímpicos de Toquio
O tirador pontevedrés Juan Saavedra participa nos Xogos Paralímpicos de Toquio / Comité Paralímpico Español

O tirador pontevedrés Juan Saavedra quedou ás portas da medalla no seu debut nos seus quintos Xogos Paralímpicos. O deportista galego logrou meterse na final do R3 Mixto sobre a distancia de 10 metros con rifle de aire comprimido en posición tendida, pero na rolda definitiva quedou a só 0,2 puntos do bronce. Con todo, o especialista terá unha nova oportunidade o día 5 coa súa participación no R6 Mixto sobre a distancia de 50 metros con rifle de aire comprimido en posición tendida.

A competición comezou ás 2.30 horas na galería de tiro de Asaka coa disputa da semifinal na que participaron 47 tiradores e Saavedra asinou a cuarta mellor marca cunha puntuación de 634,6 puntos que lle deron o pase directo á final.

Dúas horas máis tarde celebrouse a proba polas medallas e os catro mellores da semifinal volveron ocupar as catro prazas de honra, cunha soa diferenza: o surcoreano Jinho Park, medalla de ouro, superou á alemá Natascha Hiltrop, prata. O bronce foi para a ucraína Iryna Shchetnik e Saavedra tivo que conformarse cun novo diploma paralímpico. 

No seu concurso, o tirador pontevedrés logrou meterse con comodidade na fase das eliminacións, pero nela nunca puido mellorar os rexistros dos tres tiradores que ocuparon o podio e acabou eliminado na antepenúltima quenda cunha puntuación de 210,1 a só 0.2 da ucraína que pasou á loita polas medallas cun rexistro de 210,3.

Juan Saavedra afrontará agora unha nova oportunidade de ampliar o seu palmarés nunha modalidade que lle é máis favorable. A proba sobre a distancia de 50 metros realízase en campo aberto e nesa situación, na que as condicións climáticas, a luz ou o vento poden resultar decisivas, a experiencia do pontevedrés xogará ao seu favor.