Juan Señor: "Levo o fútbol actual nos meus ollos, na miña cabeza e na miña vida. É a miña paixón"

Pontevedra
28 de febreiro 2023

O novo adestrador do Pontevedra estivo presente na sesión de traballo matinal na Xunqueira acompañado por directivos e técnicos da entidade. Pola tarde ten previsto dirixir o seu primeiro adestramento

Primeiro adestramento de Juan Señor no Pontevedra
Primeiro adestramento de Juan Señor no Pontevedra / Mónica Patxot

Juan Señor xa exerce como novo adestrador do Pontevedra. O icónico futbolista da Selección estivo presente no adestramento deste martes e dirixirá, pola tarde, a súa primeira sesión de traballo. Tras esta breve primeira toma de contacto, o técnico ofreceu a súa primeira rolda de prensa en Pasarón. "A miña carreira deportiva é un reto detrás doutro. Isto levoume a un pequeno xigante que está durmido e hai que espertalo", dixo sobre a súa chegada á Boa Vila.

Aínda aterrando e descubrindo as circunstancias do seu novo club, Señor pediu "tempo" para dar a coñecer cal será o seu corpo técnico, o seu método de traballo ou o seu estilo de xogo. Así mesmo aposta por reforzar a moral dos xogadores como primeiro paso para empezar a sumar vitorias. "Esquecémonos do pasado e vexamos que temos e como o aborsdamos. A miña mision é enfocar a un bo plantel, que ten máis percorrido e debería estar mellor na clasificacion, a darlle un empuxón e resolver ese bloqueo", afirmou o novo adestrador granate.

Un factor que provoca certas reservas na contorna do club sobre a chegada de Señor ao banco é que leva case dúas décadas sen adestrar a un equipo profesional. Con todo, o preparador nega que iso sexa un inconveniente e defende que "levo en activo toda a miña vida". Ao longo dos últimos anos, puntualizou, traballou para diferentes equipos de Real Federación Española de Fútbol, colaborou coa entidade que preside Rubiales e estivo presente na transformación da vella Segunda B á actual Primeira Federación. "Levo o fútbol actual nos meus ollos, na miña cabeza e na miña vida. É a miña paixón", sostén.

Consciente da dificultade do reto que aceptou, o de salvar ao Pontevedra do descenso, sinala Señor que "non quero ser absolutamente optimista, temos que ser realistas. Pero vexo predisposición. Non hai que machucalos, só que crean neles mesmos". 

No primeiro encontro cos xogadores, Señor díxolles "moito e nada", declarou antes de profundar un pouco máis na súa mensaxe. "Con poucas palabras dinse moitas cousas. Cando eu solto o que levo dentro como exfutbolista ou como adestrador, saben que o digo en serio. O único que lles dixen é que empecen a crer dunha vez neles mesmos", engadiu.

Tampouco puido dar moitas pistas sobre o estilo de xogo do seu equipo. "O xogo vanmo a dicir os xogadores. Hoxe mandáronme algúns sinais e vou recollendo información do que coñezo e do que percibín en moitísimos partidos que lles vin", detallou, facendo fincapé na necesidade de "defender ben e ser un bloque compacto". De feito, durante a súa etapa en Mérida comezou xogando con tres centrais para logo cambiar a unha liña defensiva de catro. 

A diferenza de Toni Otero, que se marcou a meta de conseguir oito vitorias para alcanzar a permanencia, Señor prefire o lema do partido a partido. "Non fixen ningunha conta, os xogadores téñense que enfocar só no Fuenlabrada, o seguinte xa terá outro nome", remarcou. 

Rematou a súa comparecencia pedindo un pouco máis de tempo para formar o seu equipo de traballo, aínda que lle agradou a predisposición de todos os traballadores do club. Á afección pediulle tamén que confíen nos xogadores, ao que ve "moi implicados e pasándoo mal".