Kevin Presa dá o susto nun accidentado adestramento do Pontevedra

Pontevedra
28 de xaneiro 2015

O centrocampista retirouse lesionado con signos de dor tras un choque no que se danou o seu xeonllo dereito. Realizaránselle probas para coñecer o alcance da doenza, pero a súa presenza no choque do domingo antóllase complicada. Centrón, cun golpe no xemelgo, descartado

Kevin Presa é atendido polo fisioterapeuta do club tras mancarse no adestramento
Kevin Presa é atendido polo fisioterapeuta do club tras mancarse no adestramento / PontevedraViva

Accidentado adestramento o deste mércores na Xunqueira para un Pontevedra que avanza na preparación do choque do sábado ante o Deportivo B en Abegondo.

Nos últimos minutos da sesión, cando se disputaba un partido, Kevin Presa resultou mal parado nun choque con Tomás, doéndose do seu xeonllo dereito.

O centrocampista abandonou o terreo de xogo con claros síntomas de dor explicando que froito do golpe o xeonllo "se me fue hacia atrás", o que fixo saltar as alarmas no club lerezano.

Kevin, habitual nas aliñacións de Luisito, convértese en seria dúbida para o encontro do sábado a falta de que se lle realicen as probas que determinarán se todo queda nun susto ou se a lesión reviste gravidade.

Kevin explicou que a causa do golpe o xeonllo "se me fue hacia atrás"

Ademais Centrón non se adestrou como consecuencia dun golpe no xemelgo sufrido o luns, nun choque con Lobato, e a súa participación en Abegondo está descartada ao igual que a de Capi, que continúa recuperándose da rotura fibrilar que sufriu en Carballo ante o Bergantiños.

Por se fose pouco Adrián Gómez abandonou prematuramente o adestramento, aínda que neste caso por precaución ao sufrir unha leve sobrecarga que non lle impedirá estar dispoñible. O que tamén encarou o camiño dos vestiarios antes de tempo foi Anxo, aínda que foi por decisión técnica.

Rompedeiros de cabeza para un Luisito que segue, a poucas horas do peche oficial do mercado, esperando a chegada dun centrocampista que complete o plantel.