O Club Waterpolo Pontevedra xa ten adestrador para o equipo feminino de Primeira Nacional tras a saída do técnico brasileiro Arthur Neves.
Trátase de Kike García, un vello coñecido para o club lerezano que xa formou parte da entidade como xogador e tamén como adestrador.
Esta será a súa segunda etapa no club e exercerá as funcións de técnico do equipo feminino de Primeira Nacional, director técnico e adestrador do equipo infantil.
O seu regreso á cidade do Lérez chega dous anos despois da súa saída, que se produciu en 2024 tras quince tempadas formando parte do CW Pontevedra.
Ao longo desa etapa, Kike García dirixiu a equipos de toda a estrutura do club, desde benxamíns até o feminino de Primeira Nacional.
Finalizou a súa etapa na Boa Vila para pór rumbo a Países Baixos, concretamente ao Club Polars Bears da localidade de Ede. Alí dirixiu durante dúas campañas ao primeiro equipo masculino na Eredivise, máxima categoría do waterpolo neerlandés.
Tamén exerceu funcións de director técnico e coordinador das categorías inferiores, liderando o traballo de canteira e a estructuración da base.
Durante unha tempada formou parte do RTC (Rexional Training Center), un programa de alto rendemento coordinado pola KNZB (Real Federación Neerlandesa de Natación) que forma ás grandes promesas do país.
Toda esta experiencia internacional adquirida permitiralle achegar o seu coñecemento no club lerezano durante esta segunda etapa que está a piques de comezar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.