La Vuelta quenta motores a un mes do seu paso pola provincia

Pontevedra
22 de xullo 2016

Unha xincana ciclista con clubs de base da provincia promocionou este venres o paso da Volta pola pronvincia de Pontevedra. Marín acollerá a saída da terceira etapa da carreira o día 22 de agosto

Gincana promocional de La Vuelta na Alameda de Pontevedra
Gincana promocional de La Vuelta na Alameda de Pontevedra / Mónica Patxot

A exactamente un mes de que La Vuelta atravese gran parte da provincia de Pontevedra, a rolda ciclista promocionou as dúas estapas pontevedresas cunha xincana instalada na Alameda.

Clubs de base da provincia acudiron á cita, do mesmo xeito que o director xeral de Unipublic, Javier Guillén, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os alcaldes de Pontevedra (Miguel Anxo Fernández Lores), Marín (María Ramallo) e Baiona (Ángel Rodal).

Baiona será meta da segunda etapa da Volta, o día 21 de agosto, mentres Marín será saída do terceiro día de competición nunha etapa de 170 quilómetros de percorrido ata o miradoiro de Ézaro, en Dumbría, xornada na que o pelotón atravesará localidades da comarca como Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Cambados ou Vilanova de Arousa.

"Como queremos que La Vuelta sea de todos, hemos querido acercarnos a los que más pasión, ilusión y alegría ponen en el ciclismo que son los niños", sinalou Guillén.

PONTEVEDRA APOSTARÁ POR SER SAÍDA OU CHEGADA "A PRÓXIMA VEZ"

Nesta ocasión pola cidade de Pontevedra pasará a caravana multicolor, pero non parará como noutras ocasións "porque coincide coas festas grandes da Peregrina", sinalou o alcalde. 

Cede así protagonismo a Marín, onde si partirá unha das xornadas de competición, pero espera recuperalo "a próxima vez que veña" e contar "cunha saída ou chegada porque nos parece importantísima a promoción exterior que fai de Pontevedra un evento tan importante", explicou Miguel Anxo Fernández Lores.