Unha marcha ciclista popular, teloneira do paso de La Vuelta por Marín

Marín
12 de agosto 2016

Celebrarase o domingo 21 de agosto, un día antes da que carreira pase pola vila como punto de saída da súa terceira etapa. Estará habilitada para todos o públicos cunha lonxitude de preto de 5 quilómetros polo mesmo percorrido que realizará o pelotón profesional de forma neutralizada o luns 22  

Antonio Traba e Manuel Santos
Antonio Traba e Manuel Santos / Concello de Marín

Marín empeza a preparar o paso de La Vuelta Ciclista a España pola vila, punto de saída da terceira etapa da carreira o vindeiro luns 22 de agosto.

Como iniciativa para "que haya ambiente de ciclismo" na localidade, un día antes, o domingo 21, organizarase unha marcha ciclista popular polo mesmo percorrido que afrontará o pelotón profesional de maneira neutralizada, segundo sinalou o concelleiro Antonio Traba.

Con saída ás 20:00 horas desde a Praza de España, completaranse 5 quilómetros pasando pola Rúa Forte, Naval Janer, Rúa Ponte, Jaime Janer, Avenida de Ourense ata Os Praceres e volta ata o punto de saída.

Será unha ruta para todos os públicos apta para "que la gente se una y que se anime", sinalou Traba. Por iso repartiranse 300 camisetas e sortearanse agasallos promocionais da rolda ciclista.

Ademais habilitarase ata o día 18 no Concello de Marín unha mesa para inscribirse como voluntario e colaborar así na organziación da etapa.