O Leis, a 40 minutos do ascenso a Segunda División: "Este sábado xogamos todos"

Pontevedra
11 de xuño 2026

O club pontevedrés pide apoio para o partido de volta da final polo ascenso e que "cada xogador sinta que detrás hai unha cidade enteira empuxando"

Partido entre Leis Pontevedra e Tierno Galván
Partido entre Leis Pontevedra e Tierno Galván / Antía Quinteiro García

Toda a tempada nun só partido. O Exlabesa Leis Pontevedra está a só 40 minutos do ascenso a Segunda División e o Pavillón Municipal dos Deportes ditará sentenza.

Os pontevedreses téñeno todo de cara tras o 2-4 do partido de ida fronte a El Pozo Ciudad de Murcia, pero deben ratificalo este sábado 13 de xuño (17.15 horas).

Por iso piden o apoio dos afeccionados ao deporte da Boa Vila.

"Este equipo leva toda a tempada demostrando carácter, compromiso e unha fe inquebrantable. Superaron momentos difíciles, levantáronse cando fixo falta e mantiveron vivo un soño que agora está ao alcance da man. Pero para dar o último paso precisan algo fundamental: o alento da súa xente. Precisamos que cada xogador sinta que detrás hai unha cidade enteira empuxando", asegura o Leis.

"O resultado da ida é favorable, pero todos sabemos que nas finais non hai vantaxes que vallan: hai que pelexar cada balón, cada segundo, cada detalle", engaden nunha publicación coa que pretenden enganchar os pontevedreses e que se animen a vivir unha xornada histórica desde as bancadas do pavillón.

E é que "é o día perfecto para encher as bancadas, para levar bufandas, bandeiras, camisetas e, sobre todo, ilusión. Que o Pavillón Municipal trema, que cada gol se celebre como unha final e que cada xogada leve o noso berro detrás", afirma o club.

En definitiva "este sábado xogamos todos", conclúe.

Un partido que contará ademais con prezos alcanzables, xa que as entradas foron fixadas en 5 euros para os socios do Leis e en 10 euros para o resto de afeccionados.