O Leis denuncia insultos racistas desde a bancada no seu partido contra o Albense

Pontevedra
15 de abril 2025
Actualizado: 12:10

"Varios dos nosos xogadores denuncian ter sido obxecto de insultos racistas por parte dalgúns espectadores", asegura o equipo pontevedrés condenando "de maneira rotunda" o sucedido

O Leis denuncia ter sufrido insultos racistas contra o Albense
O Leis denuncia ter sufrido insultos racistas contra o Albense / Stellae Leis Pontevedra FS

Episodio desagradable o que tivo que vivir o equipo sénior masculino do Stellae Leis Pontevedra no seu último partido de liga, no que caeu derrotado de maneira contundente na pista do Albense por 7-2, na localidade salmantina de Alba de Tormes.

Segundo denuncia o equipo pontevedrés, cunha publicación nas súas redes sociais, "varios dos nosos xogadores denuncian ter sido obxecto de insultos racistas por parte dalgúns espectadores".

O certo é que foi un duelo con polémica máis aló do resultado, con dúas expulsións para o Leis e unha delas que pode carrexar unha importante sanción para un dos seus xogadores pola súa reacción segundo o reflectido na acta, golpeando "en reiteradas ocasións" na man cunha "forza insignificante" a un dos colexiados mentres se dirixía a el e golpeando tamén unha papeleira na súa entrada ao túnel de vestiarios.

Pero máis aló diso, no apartado de público, a acta reflicte que "faltando 2:16 para finalizar o primeiro período, activamos o Protocolo de Actuación Contra a Violencia Verbal, debido a que dous afeccionados vestidos con indumentaria que portaba o escudo do equipo local se dirixiron cara un xogador contrario, que fora expulsado, realizándolle xestos mostrando o seu dedo corazón de forma reiterada. Advertiuse deste feito ao delegado do equipo local para que se dirixise a estas persoas indicando que de proseguir estes feitos se suspendería o partido parcialmente, non sucedendo ningún incidente maior posterior a este".

Volvendo ao comunicado do Leis, o club da Boa Vila "condena de maneira rotunda calquera tipo de comportamento que implique racismo, xenofobia, discriminación de calquera tipo ou violencia no fútbol sala, no deporte e na vida en xeral".

"O respecto e a educación están por encima de calquera vitoria, derrota ou situación que se poida orixinar. Entre todos debemos evitar que este tipo de energúmenos se agochen nunha bancada e estraguen e ensucien o espectáculo que é o noso deporte, o fútbol sala. Por todo iso, condenamos este tipo de comportamentos e esperamos que non se volvan a repetir", explican.

Unha acusación que foi respondida desde o Albense na propia publicación do Leis, asegurando o seu rival nese encontro que "condenamos os actos racistas e temos que defender a nosa afección neste feito en particular que se menciona pois en ningún momento presenciamos talles insultos ou menosprezos".

Asegura a entidade salmantina que "cando si ocorreron, fomos os primeiros en actuar, pedir perdón e tomar medidas. Pero este sábado non presenciamos feitos denunciables", concluíndo que "o que se debería ter feito era denuncialo nos momentos se así sucedese e teríamos tomado as medidas oportunas".

No deportivo a derrota supón unha freada importante para o Leis nas súas aspiracións de conseguir o primeiro posto, que agora se afasta a tres puntos de distancia cando apenas quedan dúas xornadas por disputarse.