O Exlabesa Leis repúxose, ao grande, da derrota sufrida a xornada pasada fronte ao Zamora. Os de Santi Valladares endosáronlle un escandaloso 1-11 ao Begonte, último clasificado, para manterse como líderes destacados do grupo.
Ao conxunto pontevedrés custoulle abrir a lata, pero o gol de Arturo no minuto 7 abriu a veda de goles no Pavillón de Baamonde. O "10" do Leis estreou o marcador cun bonito tanto tras regatear á meta rival para definir a pracer.
Nada máis renovarse o xogo castigou de novo o equipo de Santi Valladares cun golazo de vaselina de Aicardo, que demostrou a súa enorme calidade cun golpeo imposible para Sergio Freire. Aínda que os lerezanos eran superiores, Alejandro tamén tivo que entrar en acción para impedir o tanto local nos minutos posteriores ao 0-2.
O encontro parouse por un tempo morto no minuto 11 e, tras a continuación, unha dobre parada da meta do Bemonde frustrou o terceiro gol dos pontevedreses. A pesar da vantaxe, o Leis disputou os últimos minutos do primeiro tempo con Alejandro Vázquez practicamente como porteiro xogador.
Esta superioridade na construción do ataque permitiu aos de Santi Valladares anotar o 0-3 tras unha bonita combinación a tres minutos do descanso. A meta do Leis xogou con Iván Domínguez e este atopou rápido a un Mario Paz que definiu plácidamente no segundo pau.
A propio meta do Leis foi protagonista de novo a un minuto do ecuador para, cunha gran intervención, manter a vantaxe de tres goles.
Tras o paso por vestiarios, o Begonte deu unha alegría ao numeroso público presente no Pavillón de Baamonde cun gol de Antón Martínez que puxo o 1-3 no marcador.
Lonxe de supor unha reacción, O Leis volveu a golpar con outro gol de Aicardo tras unha boa xogada individual de Arturo. Daniel Álvarez sumouse ao festín goleador e fixo o 1-5 un minuto despois tras culminar unha xogada individual de Mosaab.
O Begonte envorcouse tratando de buscar un novo gol que axudase a maquillar o resultado, algo que aproveitou o equipo pontevedrés para facer dano ao contragolpe. Yeray aproveitou unha boa transición para bater no man a man á meta local e pór o 1-6 no minuto 28.
Fixo máis sangue aínda Iván Domínguez, que culminou unha boa triangulación dos seus para facer o 1-7 a dez minutos do final. Daniel, que ampliou a súa conta particular, fixo o oitavo da tarde cun golazo desde o perfil destro.
Encarou a recta final con porteiro xogador o conxunto local, algo que, lonxe de servirlle, propiciou o noveno dos de Santi Valladares cun gol desde campo propio tras un roubo de balón. Iván Domínguez fixo o 1-10 a cinco do final. Con esta escandalosa goleada baixaron o pé do acelerador os de Santi Valladares.
Aínda así, Mario Paz tivo tempo de facer o definitivo 1-11 a escasos segundos da conclusión cun golpeo que entrou tras dar na madeira. Con este resultado concluíu un partido no que o Leis non tivo ningún tipo de oposición.
Consulta o acta neste enlace.