Unha lesión muscular deixa KO a Víctor Eimil no tramo decisivo da liga

Pontevedra
30 de abril 2026

O futbolista do Pontevedra lesionouse no adestramento do martes e detectóuselle "unha pequena rotura" muscular, segundo confirmou o seu adestrador Rubén Domínguez

Víctor Eimil, adestrando co Pontevedra 25-26 na Xunqueira
Víctor Eimil, adestrando co Pontevedra 25-26 na Xunqueira / Cristina Saiz

Malas noticias en forma de lesión no Pontevedra Club de Fútbol.

Non se trata nesta ocasión dunha doenza grave, senón dun contratempo muscular, pero ao producirse no momento actual da tempada deixará K.O. o afectado practicamente polo que resta de liga regular.

O xogador en cuestión é Víctor Eimil, que "no adestramento do martes tivo unha pequena rotura" muscular, segundo confirmou este xoves o seu adestrador, Rubén Domínguez, unha vez coñecido o resultado das probas ás que foi sometido.

Baixa segura esta semana para o derbi en Ferrol, a dúbida agora é "se pode chegar ao último partido ou non", explicou o técnico.

"A priori, como sempre, neste tipo de lesións ándase arredor das tres semanas de baixa", engadiu Rubén Domínguez.

De ser así, Eimil perdería seguro o duelo fronte ao Racing de Ferrol e os partidos fronte a bilbao Athletic en Pasarón e Tenerife a domicilio, sendo dúbida para a xornada final de liga regular na que o rival será o Real Avilés.

Ademais deste inesperado contratempo, na enfermaría granate mantense unha semana máis Álvaro Pérez ao non terse recuperado aínda da súa lesión.

"Fixémoslle unha nova ecografía e aínda non se pechou todo", recoñeceu este xoves Rubén Domínguez descartando o xogador para o duelo na Malata.