Libasse Guèye, de volta en Pontevedra tras ser protagonista coa Selección Sub-23 de Senegal

Pontevedra
02 de novembro 2022

O futbolista granate reincorporouse este mércores aos adestramentos do equipo tras regresar da súa convocatoria internacional, na que afrontou un dobre enfrontamento contra Burkina Faso na fase de clasificación da Copa de África das Nacións Sub-23. Guèye transformou un dos penaltis que deu o pase á súa selección tras finalizar os dous partidos con empate a cero

Libasse Guèye, adestrando co Pontevedra na Xunqueira PontevedraViva

O Pontevedra Club de Fútbol regresou este mércores aos adestramentos, tras o descanso da xornada de martes, cunha novidade sobre o céspede artificial da Xunqueira, a volta de Libasse Guèye.

O futbolista senegalés perdeu as dúas últimas xornadas de liga pola convocatoria coa selección nacional sub-23 do seu país.

Guèye foi de feito protagonista con Senegal Sub-23 no dobre enfrontamento contra Burkina Faso correspondente á fase de clasificación da Copa de África das Nacións (CAN) da categoría. A eliminatoria decidiuse na quenda de penaltis tras repetirse en ambos os dous partidos o resultado de empate a cero.

No que respecta ao xogador do Pontevedra, participou os dous encontros saíndo desde o banco, no primeiro no minuto 59 de xogo e no segundo no 56, situándose na banda dereita de ataque do seu equipo. Ademais Guèye asumiu a responsabilidade de lanzar, con éxito, un dos penaltis que clasificou a Senegal para a seguinte rolda nunha quenda que finalizou 5-3. O seu próximo rival cara á fase final da CAN Sub-23 será Mali.

Coa súa volta ao traballo cos granates, Antonio Fernández recupera un efectivo de fronte ao encontro do próximo domingo a domicilio fronte ao Real Madrid Castilla, un partido que perderán por sanción Churre e Brais Abelenda.

SEOANE E ÁLEX GONZÁLEZ, CARA E CRUZ

A sesión do mércores no Pontevedra Club de Fútbol deixou ademais a noticia da boa evolución de Diego Seoane, que traballou practicamente toda a sesión ao mesmo ritmo que os seus compañeiros tras parar a pasada semana por molestias musculares. Desta forma o único futbolista que se exercitou a menor intensidade foi Álex González por mor dun golpe que non debería impedirlle en todo caso estar dispoñible de cara á fin de semana.