Sen opción á sorpresa.
O Tenis de Mesa Monte Porreiro encaixou este sábado unha clara derrota na xornada 11 de liga da Superdivisión Masculina na que se medía ao intratable líder da competición, o Real Club Cajasur Priego TM.
Os pontevedreses non tiveron oportunidade de pelexarlle os puntos ao seu rival, que se impuxo no pavillón de Príncipe Felipe por 1-4.
O conxunto visitante tomou a dianteira xa no primeiro punto ao vencer Hampus Soderlund ao portugués Gonçalo Fretias e Carlos Machado ao local Nico Galvano.
Miguel Ángel Vílchez deu esperanzas ao Monte Porreiro ao poñer o momentáneo 2-1 gañando a Abdel-Kader Salifou.
Con todo o Priego terminou sentenciando despois ao vencer os dous últimos partidos en disputa con triunfos de Hampus Soderlund e Abdel-Kader Salifou sobre Nico Galvano e Fretias respectivamente.
A derrota, cunha Superdivisión tremendamente igualada, fai que o Monte Porreiro caia até a sétima posición da táboa con 13 puntos, aínda que a só un punto do segundo posto.
A próxima xornada o Visit Pontevedra afrontará un duelo a domicilio na pista do Alicante TM, terceiro clasificado.