Lidia Parada, nome propio da cuarta xornada do Circuíto de Atletismo en Pista

Pontevedra
01 de xuño 2017

A atleta barbancesa realizou no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a mellor marca nacional do ano en lanzamento de xavelina (57,20 metros). Jean Marie Okutu, lonxe do seu obxectivo dos 8 metros no salto de lonxitude

Lidia Parada, na cuarta xornada do Circuíto de Atletismo en Pista no CGTD
Lidia Parada, na cuarta xornada do Circuíto de Atletismo en Pista no CGTD / Mónica Patxot

Lucida xornada deportiva a vivida este mércores no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, escenario da cuarta xornada do Circuíto de Atletismo en Pista de Pontevedra.

Lidia Parada foi a gran protagonista do día. Estaba chamado a iso e non defraudou, xa que a atleta internacional barbancesa logrou en Pontevedra a mellor marca nacional do ano no lanzamento de xavelina. Fíxoo no seu primeiro intento cun rexistro de 57,20 metros.

Superou en máis de 10 metros á segunda clasificacada na súa proba, e iso que non puido mellorar a súa marca nos cinco intentos restantes, sendo os dous últimos nulos.

Outro dos grandes puntos de atención da xornada estaba posto no marinense Jean Marie Okutu no salto de lonxitude. O atleta do Fútbol Club Barcelona aspiraba a achegarse aos 8 metros na súa carreira para lograr a marca mínima para os próximos campionatos internacionais, pero quedou lonxe dos seus mellores rexistros.

Okutu non tivo un bo concurso e os seus tres primeiros saltos resultaron nulos. Só o cuarto (7,49 metros) e o quinto dos seus intentos (7,54 metros) tiveron validez.

Consulta aquí os resultados completos da cuarta xornada do Circuíto de Atletismo en Pista de Pontevedra, evento que regresará ao CGTD cunha nova xornada o próximo mes de xullo.