Loita ao límite para o Mapfre no medio do Océano Sur

Sanxenxo
15 de decembro 2017

O desafío español da Volvo Ocean Race mantén unha dura pugna contra os elementos e contra o barco chinés Dongfeng polo liderado provisional da terceira etapa da competición entre Cidade do Cabo e Melbourne. A frota soportou nas últimos horas ventos próximos aos 50 nós (92 km/h)    

O Mapfre na terceira etapa da Volvo Ocean Race
O Mapfre na terceira etapa da Volvo Ocean Race / Jen Edney / Mapfre / Volvo Ocean Race

A terceira etapa da Volvo Ocean Race está a poñer a proba a resistencia dos participantes, nunha loita sen cuartel non só contra os seus rivais senón contra os elementos.

A frota tivo que soportar ventos de ata 50 nós (92 km/h) no seu paso polo Océano Sur, afrontando o paso por unha borrasca e pegados ao máximo á zona de exclusión do xeo da Antártida.

En só cinco días de navegación o Mapfre completou xa un terzo do percorrido entre Cidade do Cabo e Melbourne (2.250 millas náuticas) superando condicións extremas e nunha igualadada pelexa co Dongfeng. Esas condicións mesmo supuxeron que un veterano como Rob Greenhalgh saíse despedido do temón que manexaba, aínda que coas fixacións de seguridade ben colocadas todo quedou nun susto.

Ás 14:00 horas deste venres a tripulación chinesa mantíñase líder con 18,3 millas de diferenza coa embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo, que marcha segunda abrindo un importante oco cos seus perseguidores, xa que o Vestas está a 101,4 millas da cabeza e o Team Brunel a 181,6 millas.

A incógnita nesta importante etapa, que puntúa dobre e podería marcar as primeiras diferenzas importantes na xeral da Volta ao Mundo a Vela, é saber se a frota chegará a porto en Australia a tempo para pasar o Nadal en terra. Polo momento as estimacións colocan aos primeiros clasificados en meta na propia Noiteboa ou o día de Nadal, aínda que todo dependerá de cales sexan as predicións meteorolóxicas para os próximos días.