Empezou a tempada cun terceiro posto, despois subiu ao segundo e Lorena Patiño escalou o último chanzo para subir todo o máis alto do podio na UCI Junior Series de Cros Country Olímpico (XCO).
A ciclista marinense non baixou do podio na súa estrea no circuíto internacional de ciclismo de montaña.
Primeiro con ese terceiro posto nos Internacionais de Chelva, despois sendo segunda na localidade catalá de Banyoles e agora levantando os brazos en Portugal.
Patiño foi a dominadora da carreira júnior feminina da Taça de Portugal disputada na localidade de Melgaço, incluída dentro do circuíto UCI Junior Series.
A corredora do equipo Decathlon-Misser Project, cores que estrea esta tempada, completou o percorrido nun tempo de 55 minutos e 22 segundos, con máis de dous minutos e medio de marxe sobre a francesa Lison Desprez (57:54) e un minuto máis sobre a española Mónica Estrada (58:52).

"Finalizamos o primeiro bloque de carreiras na UCI Junior Series Melgaço. Como me gusta este circuíto. Boa carreira, boas sensacións e sobre todo moi boa afección, nun circuíto onde as forzas nunca sobran. Estou moi orgullosa por esta primeira posición", explicou Lorena Patiño tras a carreira a través das súas redes sociais.
A Supercup Sabiñánigo, en Huesca, será a próxima parada no calendario para a marinense.
Será o vindeiro domingo 23 de marzo, nun evento que conta coa categoría C1 e que repartirá tamén importantes puntos para o ranking UCI.