Ninguén quixo perder o ascenso do Pontevedra Club de Fútbol a Primeira RFEF, nin sequera o presidente da Real Federación Española de Fútbol.
Rafael Louzán presenciou en directo o choque, e tras certificarse de maneira matemática o primeiro posto e o campionato para os granates, baixou ao céspede para entregar a copa aos campións.
Fíxoo acompañado da presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, e o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto.
Todo en "un estadio de moitos recordos", recoñeceu o que foi presidente da Deputación de Pontevedra cando Pasarón foi remodelado.
Louzán quixo "felicitar o Pontevedra e a esta extraordinaria afección".
Animou ademais os pontevedreses "a gozar esta vitoria e sobre todo o campionato que creo que é importante a falta de dúas xornadas".
Non quedou aí o dirixente federativo, senón que asegurou que "hai un estadio e unha afección que responde", polo que "para o fútbol español creo que é unha boa noticia".
Por último Rafael Louzán tivo palabras para o rival dos granates, querendo "tamén felicitar ao Laredo que creo que estivo á altura a pesar de estar matematicamente descendido".