Louzán sopesa presentarse á presidencia da Federación Galega de Fútbol

Pontevedra
25 de setembro 2014

O presidente da Deputación de Pontevedra recoñece que varios clubs da provincia lle formularon esta "proposta que vou a estudar en profundidade", manifestou. Aspira a suceder ao actual presidente federativo á súa vez alcalde de Cerceda, José García Liñares

En presenza de Cholo, Rafael Louzán fai entrega ao capitán do Deportivo, Laure, do Trofeo Luis Otero
En presenza de Cholo, Rafael Louzán fai entrega ao capitán do Deportivo, Laure, do Trofeo Luis Otero / Diego Torrado

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, medita a opción de presentarse á presidencia da Federación Galega de Fútbol, cargo que ocupa actualmente o alcalde de Cerceda, José García Liñares.

O propio Louzán recoñeceu este xoves que varios clubs da provincia lle formularon esta proposta "que vou estudar en profundidade", sinalou o dirixente.

As eleccións terán lugar no mes de decembro, pero as candidaturas deben presentarse antes de 9 de outubro. Ese é o prazo que Louzán ten para decidir se dá o paso e aumenta a súa ampla relación co mundo do deporte e co fútbol en particular.

Rafael Louzán: "Hai miles de licenzas e moitas cousas por facer"

Preguntado ao respecto o presidente provincial sinalou a importancia de que "o futbol galego teña a mellor representación posible, hai miles de licenzas e moitas cousas por facer".

A intención dos clubs que apoian a opción de Louzán é contrarrestar o poder que exerce actualmente a zona norte de Galicia malia ser Pontevedra a que máis licenzas achega e a que ten o maior número de representantes na asemblea da Federación Galega.

Este cargo sería compatible coa súa ocupación política, do mesmo modo que García Liñares, que ten a intención de presentarse á reelección, segue sendo alcalde de Cerceda.

Outro candidato que xa confirmou a súa intención de acceder á presidencia do fútbol galego Juan Vázquez, o que foi vicepresidente con García Liñares pero que dimitiu por discrepancias na súa xestión.