O equipo galego desprazado a Ragadir regresou a casa con dúas medallas despois da súa participación no Open de Marrocos de Taekwondo.
Na competición, de categoría G-1, Lúa Piñeiro (Natural Sport) e Katya Calvar (Mat's) subiron ao podio no mesmo peso, -67 quilos, logrando unha prata e un bronce respectivamente.
Lúa, a pesar de arrastrar unha pequena lesión no xeonllo, avanzou nas primeiras roldas tras superar por 3-7 a Sofía Reis (Cabo Verde) e á española Lourdes Navarro (1-2).
En semifinais debía enfrontarse á marinense Katya Calvar, pero non chegaron a combater avanzando a deportista de Caldas á gran final. Antes Katya gañara dous combates ante Souhila Smaili (Alxeria) por 1-13 e á número tres do ránking, a local Hakima El Meslahy por 6-9.
Na final Lúa Piñeiro enfrontouse á exipcia Seham Elsawalhy nun combate moi igualado que se decidiu por unha controvertida decisión arbitral.
Tamén competiu en Marrocos o pontevedrés Borja Ríos en -63 quilos, que despois de gañar dous combates quedou eliminado nos cuartos de final, a un paso das medallas, ao perder ante Ayoub Bayejou (9-8).