Luci, unha campioa de liga e de Europa como primeira fichaxe do Poio Pescamar

Poio
07 de xullo 2020

O conxunto vermello confirmou este martes a incorporación da xogadora internacional coruñesa, recentemente proclamada campioa de liga co Burela

Luci, nun partido co Burela
Luci, nun partido co Burela / Burela FS

Importante paso o dado polo Poio Pescamar na confección do plantel co que aspira a dar un paso á fronte na Primeira División de fútbol sala que lle permita pelexar por títulos a próxima tempada.

O conxunto vermello, que xa deixara pechadas as renovacións do núcleo duro do equipo, confirmou este martes a súa primeira fichaxe, e fíxoo cunha futbolista de prestixio.

Trátase de Lucía Gómez 'Luci', ala zurda que as dúas últimas tempadas militou no Burela levantando trofeos da importancia da Copa da Raíña, a Recopa, a Supercopa de España e recentemente a Liga de Primeira División no play- off celebrado en Málaga.

Luci é ademais internacional coa Selección Española, coa que gañou a Eurocopa na que tamén participou a pontevedresa Silvia Aguete, nova compañeira no Poio.

Desta forma o novo adestrador do equipo conserveiro, Manu Cossío, conta cunha peza máis no plantel á espera de, posiblemente, outras dúas fichaxes que pretende acheguen un salto de calidade.

Ata a data con Luci están confirmadas para o novo proxecto do Poio Pescamar xogadoras como Silvia Aguete, Carol Agulla, Antía Pérez, Caridad, Daniella Sousa, Ana Rivera e Mirian Ruiz.

JENNY LORES DESVINCÚLASE DO BURELA

Este movemento do Poio Pescamar coincide co final da etapa en Burela dunha das súas ex-futbolistas e tamén internacional, a pontevedresa Jenny Lores, despois dun ano defendendo as cores do equipo da Mariña co que se proclamou campioa de liga. O seu próximo destino será o Ourense Envialia.