Lucía Rivas, á final do Europeo Sub-17 con España e billete cara ao Mundial

Umia
16 de maio 2024

A Selección Española Sub-17, coa futbolista caldense Lucía Rivas nas súas filas, alcanzou a final do Campionato de Europa que se está disputando en Suecia. O rival polo título continental será a selección de Inglaterra

Lucía Rivas, coa Selección Española no Campionato de Europa Sub-17 en Suecia
Lucía Rivas, coa Selección Española no Campionato de Europa Sub-17 en Suecia

A Selección Española Sub-17, coa futbolista caldense Lucía Rivas nas súas filas, alcanzou a final do Campionato de Europa que se está a disputar en Suecia. 

Fíxoo tras golear (6-1) na semifinal do campionato a Francia, con Lucía participando na segunda metade tras substituír á tamén galega Lúa Arufe no minuto 60 de xogo.

O premio engadido de chegar á final é lograr a clasificación para o próximo Campionato do Mundo da categoría que terá lugar na República Dominicana (os tres primeiros do Europeo lograban o pase).

En canto a Lucía Rivas, a xogadora do RC Deportivo participou na primeira xornada do torneo no 3-0 a Portugal partindo desde o banco (entrando no minuto 82), e foi titular na goleada a Bélxica (5-0) que pechaba a primeira fase.

Agora espera na gran final do Europeo a selección Inglaterra, o vindeiro sábado 18 de maio nun encontro que se disputará no estadio Idrottsplats da cidade de Malmö.