Lucía Vázquez volve á actividade para defender o seu liderado en Portugal

Vilaboa
13 de maio 2016

A ciclista de Vilaboa participa en Fundao na cuarta cita puntuable da Taça de Porugal. Con esta carreira inicia unha das fases máis importantes da tempada ao ter previsto participar na Copa do Mundo de BTT

Lucía Vázquez, nunha competición recente
Lucía Vázquez, nunha competición recente

Despois de dúas semanas de parón, Lucía Vázquez volve á competición no inicio dunha das fases máis importantes da tempada, que a levará a competir na Copa do Mundo de BTT en Albstadt (Alemaña) e La Bresee (Francia).

Antes, a ciclista de Vilaboa afronta esta fin de semana a súa primeira defensa do liderado na Taça de Portugal, competición que chega á súa cuarta cita do calendario (de cinco probas previstas) na localidade lusa de Fundão.

Lucía encabeza a clasificación xeral empatada a puntos coa estoniana Maaris Meier, que volverá ser a súa principal rival.

A deportista pontevedresa confía en que o descanso lle permitira superar os problemas respiratorios que afectaron o seu rendemento nas últimas competicións.

Debido á coincidencia de datas no calendario Lucía Vázquez tivo que escoller entre dous eventos nos que lidera a xeral, a terceira xornada do Superprestigio MTB en Tibi (Valencia) e a Taça de Portugal, decantándose pola cita lusa por tratarse dunha proba de nivel C1, polo que reparte máis puntos para o ránking da Unión Ciclista Internacional.