Chegou ao Poio Pescamar en xuño de 2022 procedente do Levante UD FS e desde entón co seu traballo e dedicación gañou a pleno dereito un oco na historia do club.
Luís López-tulla converteuse na última xornada de liga, disputada en Barcelona fronte ao AE Lles Corts-UBAE, no adestrador con máis partidos no conxunto conserveiro.
O madrileño alcanzou a cifra de 131 encontros como máximo responsable do equipo, todos eles co Poio Pescamar como club da máxima categoría nacional.
Supera desta forma a Macio Santos (130), quedando algo máis atrás na lista Manu Cossío superando o cento de encontros.
Todo un logro que se saldou entre as diferentes competicións oficiais cun balance até a data de 75 vitorias, 24 empates e 32 derrotas.
Baixo o seu mando o Poio Pescamar non só chegou a xogar por primeira vez polo título de liga no play-off de Primeira División, senón que asinou o mellor arranque ligueiro da historia do club (27 puntos de 30 posibles nas 10 xornadas iniciais), a maior puntuación (75 puntos), o mellor posto na liga regular (segundas) ou a mellor serie de vitorias consecutivas (12), sumando até 28 encontros consecutivos sen perder.
"Desde o club, desexamos que Luís siga ampliando os seus rexistros connosco e poidamos facer historia xuntos", asegura o Poio Pescamar sobre o seu adestrador e sobre unha tempada na que son terceiras en liga a 3 puntos do liderado e na que xa están clasificadas para a fase final da Copa da Raíña.
Este próximo sábado 24 de xaneiro (18.30 horas), a cifra de Luís López-Tulla á fronte do Poio Pescamar seguirá engordando cun duelo de altura na Seca, entre segundo e terceiro clasificado, ao recibir o STV Roldán.