A pesar da dura derrota encaixada na pista do Futsi Atlético Navalcarnero, o Poio Pescamar segue na pelexa pola cuarta praza, a catro puntos dese play-off polo título, e faino baixo o temón dun Luís López-Tulla que en Madrid foi protagonista dunha efeméride.
O técnico chegou á cifra de 100 partidos oficiais como adestrador do primeiro equipo conserveiro.
Sitúase de feito como o terceiro preparador con máis partidos no club vermello tras Marcio Santos e Manu Cossío.
Logrouno na que é a súa terceira tempada no equipo, cun balance de 59 vitorias, 17 empates e 24 derrotas.
A maioría de encontros foron na liga regular, con 80 (50 triunfos, 15 empates e 15 derrotas), aos que se suman 5 partidos de play-off polo título con dúas presenzas consecutivas nesa fase final, 6 encontros de Copa da Raíña, 3 da Supercopa de España e 6 máis na Copa Galicia, título que levantou o Poio Pescamar a pasada tempada.
O obxectivo segue a ser facerse co primeiro título nacional do club, e para iso ademais dunha liga cada vez máis competitiva o Poio Pescamar afrontará con ilusión a fase final da Copa da Raíña para a que se clasificou recentemente ao vencer nunha pista tan complicada coma a do Alcorcón.
O que si conseguiu xa Luís López Tulla é ser o adestrador cun maior número de vitorias dirixindo o conxunto conserveiro.
Para inmortalizar a ocasión o adestrador madrileño recibiu de mans da presidenta do club unha camiseta co número 100 ás costas.