Primeiro movemento do Pontevedra Club de Fútbol no tramo final do mercado de fichaxes, no que necesita incorporar a varios xogadores para completar o seu plantel.
O primeiro en chegar, tras moitos días sen novidades, é Jhoansel Luisao Macías Chiliguano, coñecido futbolísticamente como Luisao.
Atacante de 21 anos de idade chega ao equipo granate en calidade de cedido, algo que non sucedía desde hai varias tempadas.
Luisao renovou de feito o seu contrato co Real Club Deportivo, o seu equipo de procedencia, até 2027 antes de pechar a súa cesión ao conxunto granate, e este mesmo xoves púxose xa a disposición de Rubén Domínguez.
"É un xogador de ataque que pode xogar polo centro e por ambas as dúas bandas", afirma o Pontevedra.
Trátase do primeiro futbolista sub-23 confirmado no plantel, o que deixa aínda unha ficha sénior dispoñible para outro dos reforzos previstos, cos que se busca completar o equipo no centro do campo e na parcela ofensiva.
Con el pasan a ser 18 os xogadores para todos os efectos do primeiro plantel do Pontevedra, a pouco máis de 48 horas da estrea ligueira contra o Cacereño en Pasarón.
Luisao xogou a pasada campaña en Segunda RFEF co Fabril, participando en 20 encontros (11 como titular) e achegando dous goles.
Antes debutara en Primeira RFEF co Cornellà.