A venda das novas camisetas do Pontevedra iníciase con descontos por un erro de impresión

Pontevedra
27 de agosto 2025

O club pontevedrés pon á venda desde este mércores as novas camisetas granates con prezo reducido en tallas de adulto por "un defecto na impresión dun dos logos"

Camisetas do Pontevedra CF para a tempada 25-26
Camisetas do Pontevedra CF para a tempada 25-26 / Pontevedra CF SAD

O Pontevedra Club de Fútbol anunciou o inicio na venda do seu novo equipamento deportivo para a tempada 25/26 que está a piques de comezar e que, como novidade, contará con Estrella Galicia como o seu patrocinador principal.

Será con todo un inicio accidentado, e é que o club explica que porá a disposición de socios e afeccionados o primeiro lote da camiseta granate a prezo reducido debido a "un erro de impresión por parte do fabricante nas tallas de adulto (S-M-L-XL-XXL)".

Engade o Pontevedra que ese erro se debe a "un defecto na impresión dun dos logos".

Por ese motivo a entidade porá o lote en cuestión á venda a un prezo de 45 euros para os abonados e de 50 euros para o non abonados.

O prezo das tallas infantís (6-8-10-12-14), xa dispoñibles no equipamento titular, será xa o definitivo e ao que despois se porán o resto de camisetas: 60 euros para os socios e 70 euros para os demais afeccionados.

Polo momento aínda non estará dispoñible o segundo equipamento, de cor branco.

No que respecta ás camisetas con tara, a súa venda será preferente para os abonados que renovaron o seu carné antes do 6 de xuño, desde este mesmo mércores 26 até o venres 28 de agosto na tenda de Pasarón, mentres que a venda xeral habilitarase o sábado 30 de xuño.

As camisetas non vendidas serán recollidas por Kappa a partir do luns 1 de setembro e, avanza o Pontevedra, "substituídas no menor tempo posible".

Ademais o club pontevedrés abriu o período de solicitude para a compra preferente tanto das camisetas sen erro de impresión como para o segundo equipamento para os socios que renovaron o seu carné no primeiro período da campaña de abonados. Este prazo permanecerá aberto até o día 5 de setembro.