A gran maioría dos clubs que compoñen o Grupo I da Primeira RFEF pactaron o prezo das entradas que establecerán para o público visitante ao longo da tempada.
Nesa lista figuran ata 16 dos 20 equipos do grupo, sen que o Pontevedra asine o pacto inicialmente.
En concreto os equipos que non entran no mesmo son, ademais do granate, o Arenteiro, o Real Madrid Castilla e o Arenas de Getxo.
O resto de competidores, entre os que están equipos galegos como o CD Lugo, Racing de Ferrol, Ourense CF e Celta Fortuna, pactaron que cobrarán esta tempada 15 euros ao público visitante que se desprace aos seus estadios.
Aínda que o Pontevedra non se sumou ao acordo, o certo é que é a mesma cantidade fixada como entrada máis alcanzable para o público adulto na primeira xornada de liga en Pasarón contra o Cacereño.
Eses 15 euros é o que costa unha entrada para os fondos, tendo en conta que Fondo Sur é a bancada designada para acoller o público do equipo foráneo.
As entradas para o Pontevedra-Cacereño son ademais de 20 euros en Preferencia e de 25 euros en Tribuna.
Pola súa banda a entrada xuvenil está fixada en 15 euros en Tribuna e 10 euros en Preferencia e fondos e o acceso é de balde para os menores de 6 anos.