Luisito desembarca no Arosa para o que queda de tempada e unha máis: "Non é unha situación insalvable"

O Salnés
13 de abril 2022

O club arlequinado presentou este mércores ao seu novo adestrador, que substitúe no cargo ao cesado Jorge Otero. "Veño con toda a ilusión do mundo, sei que é un reto dificil pero gustanme este tipo de retos", asegurou Luisito na súa primeira comparecencia

Presentación de Luisito como novo adestrador do Arosa
Presentación de Luisito como novo adestrador do Arosa / Arosa SC

José Luis Míguez 'Luisito' é desde este mércores novo adestrador do Arosa, en substitución do cesado Jorge Otero.

O técnico de Teo foi presentado oficialmente na que foi a súa casa como xogador "hai 23 anos", lembrou asegurando que aterra na Lomba "con toda a ilusión  do mundo".

Luisito asina co club arlequinado polo que queda de tempada e unha máis, e é que "a min ao Arosa dame igual adestralo en Terceira, Preferente, Segunda B ou Segunda A, hai clubs que estén onde estén non lle podo dicir que non", defendeu na súa primeira comparecencia acompañado do presidente Manolo Abalo e do director deportivo, Rafa Sáez.

Iso non quita que para o novo preparador arosista a actual "non é unha situación insalvable", mostrándose confiado en poder conseguir a permanencia na Segunda RFEF. "Sei que é un reto dificil pero gustanme este tipo de retos", defendeu.

Con cinco partidos por diante o que lle preocupa agora a Luisito é "tratar de convencer os futbolistas que son moitos mellores do que reflexa a clasificación", para logo tentar impoñer o seu estilo.

O primeiro deles será un duelo especial ante un dos seus ex-equipos como o Pontevedra, co que "pasei unha época moi moi boa, conseguimos un ascenso e un play-off a Segunda A que foi a cousa máis importante que fixen como adestrador". Con todo o preparador está centrado no seu novo equipo, asegurando que "este domingo sei perfectamente como lle vamos a xogar" porque "só penso no Arosa e tratar de gañar o domingo, a min gustame gañar, non lle deixo gañar aos fillos e menos voulle deixar ao Pontevedra", concluíu.

Luisito aterra na Lomba en solitario, pero coa intención de contar cos seus colaboradores habituais a próxima campaña.