Luisito, disposto a seguir a próxima temporada: "Se a presidenta o Consello están contentos xa saben a miña resposta"

Pontevedra
26 de marzo 2021

O técnico asegura que "o que quero agora é salvar a categoría e ser superfeliz en Pontevedra como o estou sendo ata agora". Polo de súpeto na súa cabeza está "ganar en Guijuelo a partir de aí ganarlle a Oviedo B, Sporting B, Lealtad e Covadonga", defende ante o final da primeira fase e a pelexa pola permanencia  

Debut de Luisito no partido de liga de Segunda B entre Pontevedra CF e Guijuelo
Debut de Luisito no partido de liga de Segunda B entre Pontevedra CF e Guijuelo / Mónica Patxot

Sen opcións máis que pelexar pola permanencia na Segunda B para pasar a formar parte a próxima campaña da Segunda RFEF, a cuarta categoría do balompé nacional, todos no Pontevedra Club de Fútbol empezan a mirar cara ao futuro, empezando por asegurarse acabar o mellor posible e sen máis sobresaltos a tempada.

Neste sentido o actual adestrador granate, José Luis Míguez ' Luisito' mostrouse este venres disposto a continuar no club e liderar o próximo proxecto deportivo se a entidade de Pasarón así o ve conveniente.

"A presidenta e o Consello coñéceme moito, e a afección tamén. Estou onde realmente quero estar, onde realmente me sinto feliz, a min non me moven outras cousas que non sexa a ilusión e a pasión", explicou en rolda de prensa o preparador de Teo.

"Son feliz aquí, o que quero agora é salvar a categoría e se a presidenta a o Consello de Administración están contentos xa saben a miña resposta", adiantou Luisito.

A pesar da revelación o adestrador asegurou estar centrado 100% na situación actual. "O único que penso é en ganar en Guijuelo a partir de aí ganarlle a Oviedo B, Sporting B, Lealtad e Covadonga, eses para min son os inimigos públicos número un a partir do domingo", sinalou en referencia á segunda fase da competición.

Luisito asegurou que o plantel está mentalizado para o reto que se lle presenta porque "o futbolista non pode pensar no que puido ser e non foi. Saben perfectamente que hai que pelexar por un obxectivo claro. Toca salvar a categoría e hai que facelo como sexa", defendeu o técnico sinalando que "ante todo está a dignidade dun club tan grande como o Pontevedra".

"Costounos moitísimo ascender e o que non queremos é descender a Terceria. Vamos a pelexar para como mínimo manternos en Segunda B e a partir de aí seguir crecendo como está crecendo o club", concluíu o actual inquilino do banco de  Pasarón.