Luismi agarda o Pasarón "de las mejores tardes" no duelo de aspirantes ante o Guijuelo

Pontevedra
23 de marzo 2019

O coliseo pontevedrés acollerá este domingo (17:00 horas) un encontro que pode resultar clave para ambos os dous, situados a 5 e 6 puntos dos postos de play-off de ascenso. Mikel Arruabarrena por sanción, única baixa nos granates

Luismi, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Luismi, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Pontevedra e Guijuelo miden a súa ambición este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón. Situados a 6 e 5 puntos da zona de play-off respectivamente, pode ser unha das últimas oportunidades para reengancharse á pelexa, xa que o perdedor sairá moi tocado da cita.

Toda axuda será pouca, por iso Luismi fala da importancia do "factor campo y el factor de la ficción" e apela ao Pasarón "de las mejores tardes" para volver á senda do triunfo.

En fronte, os granates terán a un equipo que chega no seu mellor momento do curso, tras oito partidos consecutivos sen coñecer a derrota. "Ahora fuera de casa también están consiguiendo ser regulares y eso les hace más peligrosos", recoñece o técnico.

O preparador pontevedrés vaticina que "va a ser un partido abierto, eso seguro", xa que o cadro salmantino "no tiene nada que perder".

A boa noticia para o Pontevedra é que recupera aos xogadores que arrastraban diversos problemas físicos e que perderon as últimas xornadas, como Adrián León e Álvaro Bustos, polo que Mikel Arruabarrena será a única ausencia por sanción. O resto do primeiro plantel irá convocado e será no propio estadio onde se decida a lista final de 18.

Ademais da promoción para os tres próximos encontros na casa, as entradas individuais para este choque mantéñense en 25 euros na bancada de Tribuna, 15 en Preferencia e 10 euros nos fondos.

O colexiado será o madrileño Alejandro Patiño Álvarez.