Rivera aparece como salvador no 84 para dar un sufrido triunfo ao Pontevedra sobre o Guijuelo (2-1)

Pontevedra
24 de marzo 2019

O canteirán marcou o tanto da vitoria no primeiro balón que tocou tras saír do banco para dar tres puntos de ouro aos granates, que non realizaron un encontro notable pero que se volven a ilusionar co play-off

Partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Guijuelo en Pasarón / Diego Torrado
Rolda de prensa de Luismi tras vencer o Guijuelo (2-1) /

Un canteirán, con presenza case testemuñal na liga ata a data, deulle vida ao Pontevedra cando o tren do play-off estaba a pasar definitivamente de longo por Pasarón. Rivera conseguiu no minuto 84 e na súa primeira xogada tras saír do banco, o gol do triunfo, sufrido, dos granates sobre o Guijuelo (2-1). Non foi un encontro brillante dos de Luismi, superados por momentos, pero o que o fútbol lle roubou en xornadas recentes devolveullo nesta para seguir ilusionándose con obxectivos ambiciosos.

Moi disputado foi o tramo inicial do encontro, con dous equipos que pelexaban por facerse co control do xogo e cun Guijuelo moi ben plantado sobre o terreo de xogo, o que dificultaba a combinación dos granates.

O cadro visitante empezaba a ameazar nas súas transicións, e probouno tamén nunha falta directa desde o pico da área lanzada por Razvan fóra. Respondeu pouco despois o Pontevedra nun gran centro de Nacho Lorenzo desde a esquerda para a entrada en carreira sorprendendo de Álex González, zurdo de pé e que non puido precisar coa dereita enviando o seu remate fóra.

Foi unha gran ocasión, pero non tivo continuidade e o cadro chacinero empezaba a facerse co control. Niso estaba cando ao cuarto de hora o que chegou foi o 1-0, todo hai que dicilo, cunha boa dose de fortuna. Romay recortou no costado esquerdo e puxo un centro pechado e perigoso que foi desviado cara á súa propia portería por Jesús Muñoz coa cabeza, despistando ao seu gardameta. Con pouco os de Luismi lograran o máis complicado.

O tanto non variou o guión do Guijuelo, que terminou de facerse co mando mentres os granates non terminaban de atoparse cómodos. O bloque salmantino chegou con perigo especialmente en varios saques de esquina lanzados por Luque, pero non conseguía concretalo en ocasións realmente claras. Pasaron así os peores minutos locais, que ata o descanso deixaron en ataque unha única acción reseñable nun centro-chute de Kevin que se foi desviado por moi pouco.

O segundo acto comezou cun serio aviso dos visitantes, cun gran centro de Espina ao segundo pau que inexplicablemente Carmona rematou fóra. A pesar diso parecían igualarse as forzas, pero neste partido nada respondía á lóxica e o que chegou foi o gol do empate. Era o minuto 59 cando novo Espina, o 9 do Guijuelo, combinou entre liñas vendo o desmarque de Raúl Ruiz ás costas de Nacho Lorenzo e o seu centro desde a liña de fondo desviouno, como no primeiro gol, un defensor cara ao fondo da portería, nesta ocasión Nacho López.

Os chacineros tiñan todo para irse a por os tres puntos, pero incomprensiblemente deron un paso atrás e permitiron a reacción do Pontevedra, con máis corazón que ideas. Esa reacción non deu os seus froitos ata a chegada dos cambios. Primeiro foi  Pibe quen en dúas accións consecutivas forzou a expulsión do lateral Razvan, no minuto 81, e despois chegou a quenda de Rivera. O dianteiro do filial entrou por Kevin Presa para tentar dar mordente ofensiva e vaia se a deu. Só un minuto despois da súa entrada nun córner sacado en curto, Borja centro coa dereita e atopou a sobresaliente cabezada do canteirán ante o que nada puido facer o gardameta Felipe.

Puido chegar o terceiro na seguinte xogada, de novo con Rivera como protagonista asistindo a Bustos, pero o extremo fallou na definición atopándose a perna do porteiro. Faltaban 5 minutos de xogo e tocaba sufrir a pesar da inferioridade numérica. Fíxoo o equipo e esta vez non se escapou o triunfo. Todo para reducir a distancia cun play-off que cos resultados dos rivais está agora a 4 puntos.

PONTEVEDRA CF (2): Edu, Nacho López, Nacho Lorenzo (Pibe, min.75), Churre, David Castro, Kevin (Rivera, min.83), Álex González, Borja Domínguez, Javi Pazos, Pedro Vázquez (Álvaro Bustos, min.62), Romay.

CD GUIJUELO (1): Felipe, Raúl Ruiz, Razvan, Iván Pérez, Jesús Muñoz, Carlos Rubén, Cristóbal (Ayala, min.83), Julián Luque, Pablo Espina, Javier Borrego (Teije, min.71), Carmona.

Árbitros: Alejandro Patiño Álvarez, auxiliado nas bandas por Rubén Nebreda López e Víctor Parra González (Madrid). Amoestou a Borja Domínguez, David Castro e Nacho López no Pontevedra e a Raúl Ruiz no Guijuelo. Expulsou a Razvan nos visitantes por dobre amarela (min.78 y 81).

Goles: 1-0 Jesús Muñoz en propia meta (min.15); 1-1 Nacho López en propia meta (min.62); 2-1 Rivera (min.84).

Incidencias: Partido da xornada 30 de liga de Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 2.500 espectadores.