A pelexa polo play-off máis apertada das últimas décadas

Pontevedra
02 de abril 2019

Só 5 puntos separan actualmente ao líder, o Fuenlabrada, do sétimo posto que ocupa o Pontevedra, que á súa vez está a 3 puntos da fase de ascenso cando restan 21 por xogar. Os duelos directos, como o que esta xornada afrontarán os granates ante o Sanse antóllanse como claves para alcanzar o play-off

Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón / Diego Torrado

As dúas últimas vitorias en liga, ante Guijuelo e Deportivo B, meteron de cheo ao Pontevedra na pelexa por entrar no play- off de ascenso a só 7 xornadas (21 puntos) para o final da competición regular, nunha loita máis igualada que nunca.

Nos dúas últimas décadas, desde a entrada no novo século, nunca a estas alturas de tempada (xornada 31), sete equipos atopábanse nunha marxe tan estreita de puntos como o que reflicte a clasificación actual do Grupo I da Segunda B.

Do líder, Fuenlabrada (55 puntos), ao sétimo clasificado, Pontevedra (50 puntos), hai só 5 puntos, mentres que os granates atópanse a 3 da fase de ascenso que marca a Cultural Leonesa (53). Polo medio atópanse o Atlético B (55), Real Madrid Castilla (54), Ponferradina (52) e UD Sanse (51). 

Só en tres das últimas tempadas o sétimo estaba máis preto do play-off (01/02, 08/09 e 13/14), a 2 puntos, pero entón a distancia co liderado era respectivamente de 14, 17 e 14 puntos. De feito, no ano da última presenza pontevedresa na fase de ascenso (16/17), o equipo adestrado por aquel entón por Luisito era cuarto a estas alturas pero con 12 puntos de vantaxe nada menos sobre o sétimo, o Coruxo, que se atopaba a 28 puntos da cabeza.

Nada está decidido aínda e todo apunta a unha loita encarnizada ata a última xornada, cun bo número de enfrontamentos directos que resultarán decisivos. Nesta sorte, San Sebastián de los Reyes e Pontevedra son os que máis duelos ante rivais directos deberán afrontar, ata tres, dependendo por tanto de si mesmo para coarse entre os catro primeiros.

Empezarán ambos os enfrontándose o vindeiro domingo 7 de abril (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón, nun duelo no que o perdedor pode saír tocado nas súas aspiracións. Ademais na mesma xornada 32 verán as caras Cultural Leonesa (4º) e Ponferradina (5º). Pola súa banda o San Sebastián de los Reyes protagonizará duelos ante Atlético B a domicilio e Castilla no seu estadio nas xornadas 34 e 35.

Decisiva preséntase tamén a penúltima data do campionato, na que o Pontevedra recibirá ao Atlético B xunto aos duelos de aspirantes Sanse-Cultural Leonesa e Ponferradina-Fuenlabrada. Tras ela, na xornada definitiva, os granates visitarán o Castilla na madrileña cidade deportiva de Valdebebas.

Ademais dos enfrontamentos sinalados, os de Luismi completarán o seu calendario ante o Coruxo fóra (xornada 33), Rápido de Bouzas na casa (X.34), Unión Adarve a domicilio (X.35) e Las Palmas Atlético (X.36) tamén lonxe de Pasarón.