Promoción para socios e desconto nas entradas para a 'final' do Pontevedra ante o UD Sanse

Pontevedra
03 de abril 2019

O Pontevedra regalará unha invitación a cada socio para a súa bancada para o choque do próximo domingo (17:00 horas) ante un rival directo na pelexa polo play-off, o San Sebastián de los Reyes. Ademais convoca a todos os seguidores a unha previa desde as 12:00 do mediodía

Público no Estadio Municipal de Pasarón (arquivo)
Público no Estadio Municipal de Pasarón (arquivo) / Diego Torrado

Se non é unha final, paréceselle. O Pontevedra Club de Fútbol, consciente da importancia que ten o duelo do próximo domingo (17:00 horas) en Pasarón ante un rival directo polo entrar no play-off de ascenso, a UD San Sebastián de los Reyes, lanzou unha serie de promocións para que o coliseo granate presente unha gran entrada e leve aos seus cara á vitoria.

A primeira delas é a decisión de regalar unha invitación a cada socio, para un acompañante, válida para a súa mesma bancada, e que poderá retirarse nas oficinas do estadio ata o venres (9:00 a 14:00 e 16:00 a 19:00 horas) e o mesmo domingo en horario matinal (12:00 a 14:00 horas).

Por outra banda as entradas para o público xeral sofren unha pequena rebaixa con respecto ás últimas xornadas, con prezos que van dos 20 euros en Tribuna aos 12 en Preferencia e os 8 euros nos fondos. Á súa vez a entrada xuvenil custará 5 euros e a infantil 3 euros.

Ademais o Pontevedra anima aos seus afeccionados para iniciar a previa ao duelo ás 12:00 horas cun xantar popular nas inmediacións de Pasarón "para compartir o que nos une: O sentimento granate!", sinalan na convocatoria publicada nas súas redes sociais.

 

VISITAS A CENTROS ESCOLARES

Como complemento a todo eles, xogadores do primeiro plantel e membros do corpo técnico realizarán esta semana visitas a diversos centros, como a escola de educación infantil O Grupo de Marín, o colexio O Sequelo da mesma localidade ou a área de pediatría do Hospital Provincial de Pontevedra, visita que protagonizarán o venres Edu Sousa, Álex González, Romay e os adestradores Luismi e Jesús Ramos.