O mercado de fichaxes "está practicamente pechado", pero non de todo. Así o recoñeceu este mércores a presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, tras a presentación como novo futbolista granate de Rubén López.
Con dúas fichas sénior dispoñibles "imos ver se algunha porta máis abre", sinalou a máxima dirixente da entidade pontevedresa sobre a posibilidade de contratar un dianteiro que complete o plantel entre a nómina de futbolistas sen equipo.
"Verémolo nas próximas semanas. Evidentemente non tardaremos moito porque o mercado tamén se vai pechando co que está dispoñible", explicou Murillo.
En todo caso a decisión non está tomada e "agora imos ver o que hai e ver se si ou se non, porque hai dúbidas na parcela deportiva", recoñeceu.
No que respecta ao resto de incorporacións, coas que pousou sobre o céspede de Pasarón, sinalou que "buscamos alternativas que puidesen polo menos igualar ou mellorar o que tiñamos até este momento, e que non debemos esquecer que nos levou a estar terceiros na clasificación ao peche da primeira volta".
Lupe Murillo quixo destacar que "foron rapaces que quixeron vir e isto póñoo en valor. Tiñan propostas doutros sitios e tiveron claro que querían acompañarnos", defendeu tras unha ventá invernal na que "foi moito máis fácil fichar estando terceiros que cando eramos recentemente ascendidos".
O que non quixo aínda a presidenta é desviarse do obxectivo principal da permanencia e de asentarse na categoría, claro que desde a terceira posición "se podemos soñar, pois o que poidamos, sempre imos tentar ir a máis porque é o ADN do Pontevedra", afirmou.
RENOVACIÓNS
Murillo, a preguntas dos xornalistas, confirmou ademais que desde o Pontevedra "estamos xa valorando renovacións de cara a futuro".
Neste sentido "temos xogadores con algúns anos de contrato, algúns teñen un ano, outros teñen máis e estamos a valorar a situación", explicou a presidenta do Consello de Administración do Pontevedra.