O período invernal de fichaxes chegou ao seu fin. Pero non é un peche rotundo para o Pontevedra Club de Fútbol.
As últimas horas de mercado foron frenéticas nas oficinas de Pasarón, onde tras moitas xornadas de negociacións se puido por fin pechar a cesión de Rubén López desde o Real Club Deportivo.
O centrocampista era o cuarto reforzo do mes de xaneiro tras os extremos Diego Gómez e Alberto Gil e o central Álvaro Pérez.
Con todo, e a pesar das xestións realizadas nas últimas semanas, o prazo que establecen as bases de competición da RFEF pechou sen a chegada dun dianteiro centro, parcela na que só Compa aparece actualmente como especialista.
Era un dos obxectivos do mercado, pero tamén a peza máis complicada de lograr polas altas pretensións económicas dalgúns dos nomes cos que se chegou a contactar.
En todo caso aínda que desde a entidade da Boa Vila confirmaron ao fío das 22.30 horas da noite que descartaban realizar máis operacións nesa última xornada, a porta non se pechou do todo.
Entre saídas e chegadas este mes de xaneiro os granates liberaron dúas fichas sénior no seu plantel, que permanecen dispoñibles, o que abre unha vía para incorporar aínda futbolistas nos próximos días e que non depende xa de prazos concretos.
Esa guinda ao proxecto pontevedrés para soñar con manterse nas posicións de privilexio durante a segunda parte da tempada pode aínda chegar cun xogador sen equipo, é dicir, que se atopase en paro ou que rescindise antes das 23.59 horas de luns (hora de peche do mercado).
Unha opción xa usada nas últimas tempadas nalgunha ocasión polo Pontevedra, como cando incorporou a Yelko Pino en setembro 2021 varios días despois de que finalizase o período de inscrición de fútbolistas.