Rumbo aos Xogos do Mediterráneo.
Lydia Pérez sacou o billete para unha das grandes competicións internacionais da tempada 2026, os Xogos do Mediterráneo que se celebrarán en Taranto, Italia.
A pontevedresa fíxoo brillando na Copa da Raíña disputada a fin de semana na localidade murciana de San Javier.
A deportista do Club de Loita Pontevedra impúxose con autoridade na categoría de 57 quilos, peso máis baixo do que viña competindo pero ao que hai meses decidiu pasarse de cara aos grandes torneos e coa vista posta nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028, a gran meta e soño a alcanzar.
Nesta ocasión, na Copa da Raíña, Lydia baixou aos 57 quilos ao tratarse dunha proba selectiva para confirmar o equipo español que competirá nos Xogos do Mediterráneo.
Logrou subir ao chanzo máis alto do podio ao superar en semifinais a andaluza Elena Torres, que levou despois o bronce, e na gran final a murciana Olga Sánchez.
A loita galega logrou ademais grandes resultados con outro tres ouros, os de Nerea Pampín (Club Keltoi de Vila de Cruces) en 62 quilos, Ana Ferro (Club Senín) en 76 quilos e Joel Castro (Club Keltoi de Vila de Cruces) nos 57 quilos no seu caso da Copa do Rei.
Ademais lograron o bronce Saúl Bello (Club San Ignacio) nos 74 quilos da modalidade Libre Olímpica e Gonzalo Caparrós (Club Atila de Ourense) en 77 quilos de Loita Grecorromana.
Grandes resultados para grupo de tecnificación e rendemento do CGTD de Pontevedra que estivo acompañado polos adestradores Marcos Miragaya e Rubén Méndez.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.