A próxima semana arrincará unha das competicións máis importantes no calendario de Lydia Pérez.
A pontevedresa disputará o Campionato de Europa Sénior de Loitas Olímpicas, que terá lugar do 20 ao 26 de abril na cidade de Tirana, Albania.
Esta cita, que reúne a máis de 400 atletas de todo o continente, supón a estrea de Lydia nunha nova categoría a nivel internacional.
E é que a loitadora, que competiu en 62kg nas grandes citas do 2025, deixará atrás este peso para debutar na categoría de 57kg a nivel internacional co obxectivo de espremer ao máximo as súas virtudes nesta nova etapa.
Esta será a primeira gran proba para Lydia, que ten previsto baixar aos 57kg en só tres citas internacionais en 2026: o Europeo, o Mundial e os Xogos do Mediterraneo.
Todo isto explícase co gran obxectivo da loitadora, que non é outro que chegar aos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028.
A nivel nacional, a deportista pontevedresa xa competiu nesta pesada. O exemplo máis recente é a Copa da Raíña que gañou o pasado mes de marzo.
De cara ao inminente Europeo, Lydia Pérez chega reforzada pola súa medalla de prata lograda no Torneo Internacional Dan Kolov.
A competición desenvolverase toda a semana no Palacio dos Deportes Feti Borova e arrincará o luns 20 de abril coa loita grecorromana.
A quenda de Lydia chegará o xoves 23 coas eliminatorias. En caso de optar a medalla, a pontevedrésa loitará tamén o venres 24 nunhas hipotéticas finais.