Histórico resultado para a loita española o conseguido por Lydia Pérez Touriño en Alexandría.
A pontevedresa acudía a Exipto para partidipar na Final Mundial de Loita Praia, co aval da medalla de ouro conseguida recentemente en Grecia.
Nunca unha española subira ao podio da final mundial desta disciplina, sobre a area, ata agora.
Lydia, na súa nova categoría de 60 quilos, dominou o torneo para levar unha espectacular medalla de ouro, que lle vale ademais para facerse co subcampionato do Ranking Mundial Anual, unha prata de gran valor posto que non tomou parte do todo o campionato.
"Hoxe, aquí en Exipto, só podo sentirme afortunada de poder seguir gozando do que fago. Seguimos loitando, seguimos sumando 1%, sempre coa mirada posta no que vén", sinalou a pontevedresa tras a competición a través das súas redes sociais.
Para facerse co ouro en Alexandría, a deportista de Club de Loita Pontevedra completou un torneo brillante.
Na rolda de clasificación venceu a local Farah Ali Hamada Mohamed Hussein e tamén a grega Viviane Bettina Herda, pasando á semifinal malia ceder noutro combate ante a ucraína Anastasiya Kravchenko.
En semifinais tocoulle superar á tamén ucraína Sofiia Kushnir, para chegar á gran final na que esperaba a rival ante a que caera na primeira fase, Anastasiya Kravchenko. Esta vez con todo a pontevedresa foi mellor e levou para casa unha celebrada medalla de ouro.
