Un resultado para recobrar o sorriso e a confianza e tamén para reforzar todo o sacrificio e traballo dos últimos meses.
Lydia Pérez Touriño foi unha das grandes protagonistas da cuarta cita do Ranking Series Mundiais de Loita Praia, que tivo lugar na localidade grega de Katerini os días 27 e 28 de setembro.
A pontevedresa chegaba a esta competición tras non poder avanzar da fase de clasificación no Campionato do Mundo disputado en Croacia.
Pero se algo demostrou estes anos a deportista do Loita Pontevedra é a súa resiliencia e afán de superación.
Apenas uns días despois desa cita baixaba á area logrando un resultado espectacular, a medalla de ouro nas Series Mundiais de Loita Praia.

Para conseguilo Lydia superou na fase de grupos ás gregas Christina e Evdocia Papadopoulou, á alemá Viviane Bettina Herda e a ucraína Anastasiya Kravchenko.
Xa en semifinais e en plena loita polas medallas venceu á tamén ucraína Oksana Moskalova, e na final impúxose contrapornóstico á medallista mundial Sofiia Kushnir.
Todo iso competindo na categoría de 60 quilos, máis baixa do que nela era habitual, xa que antes da súa decisión de baixar de peso competía na area nos 70 quilos, categoría na que é campioa de España.
Agora a pontevedresa mira xa con ambición cara á gran final do Ranking Series Mundiais de Loita Praia que terá lugar en Alexandría, en Exipto, do 17 ao 19 de outubro.