Lydia Pérez pide axuda para ir ao Mundial: "Cada aporte achégame un paso máis a Croacia"

Pontevedra
12 de agosto 2025
Actualizado: 19:51

A deportista pontevedresa, xa clasificada para o Campionato de Mundo de Loitas Olímpicas, iniciou unha campaña de micromecenado para poder custear a súa preparación

Lydia Pérez na final do Campionato de España
Lydia Pérez na final do Campionato de España / Federación Galega de Loita

A aposta de Lydia Pérez Touriño foi grande esta tempada. Cambiou de base de adestramento para establecerse en París na busca dunha maior competitividade nos seus adestramentos e tamén de peso, baixando aos 59 quilos para tentar relanzar a súa carreira a nivel internacional.

Pero tanto sacrificio ten un custo e, xa clasificada para o próximo Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas que se celebrará do 13 ao 21 de setembro en Zagreb, a pontevedresa busca apoios para poder prepararse de maneira óptima.

Por iso iniciou unha campaña de micromecenado a través da plataforma sponsor.me.

Lydia recoñece que o Mundial é "un dos maiores retos e obxectivos da tempada", pero "para chegar na mellor forma posible, necesito participar en concentracións e competicións internacionais previas, que son clave para afinar o meu rendemento e enfrontarme a rivais de máximo nivel".

"Este ano, ademais, afrontei o reto de cambiar de categoría de peso, o que supuxo un esforzo extra tanto físico como económico, e fixo aínda máis complicado conseguir financiamento para a miña preparación", explica a deportista do Club de Loita Pontevedra.

Ese é o principal motivo de pedir axuda económica, fixando o seu obxectivo en conseguir 800 euros.

"Cada aporte, por pequeno que pareza, achégame un paso máis a Croacia e axúdame a representar ao meu país con orgullo no tapiz. O teu apoio non só financia unha viaxe, senón que impulsa un soño e apoia o esforzo de toda unha vida dedicada ao deporte", afirma a pontevedrsa.

Lydia Pérez Touriño vén de lograr unha medalla de ouro no Torneo Ion Cornianu–Ladislau Simon, un resultado co que certificou a súa clasificación para o Mundial e co que alimenta o soño de lograr un gran resultado en Croacia.