A loitadora pontevedresa Lydia Pérez Touriño non descansa na súa preparación.
Coa vista posta no campionato de España que se celebrará en Barcelona, os días 14 e 15 de xuño, desprazouse até a cidade alemá de Friburgo.
Alí, está a formar parte dunha concentración de dez días na que comparte adestramentos e experiencias con deportistas de Alemaña, Francia, Suíza, Albania e España.
A deportista pontevedresa, que adestra no Centro de Alto Rendemento de París, está a asinar unha boa tempada.
Un dos seus últimos éxitos foi a medalla que obtivo no Torneo Internacional Dan Kolov de Bulgaria, onde competiu na categoría de -62kg.
GONZALO CAPARRÓS, CONVOCADO CON ESPAÑA
Pola súa banda, o loitador ourensán Gonzalo Caparrós, que adestra regularmente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, foi convocado coa selección española U20 de loita grecorromana para un torneo internacional en Romanía.
En Bucarest, onde competirá os días 30 de maio e 1 de xuño, Caparrós tratará de loitar polas medallas, despois de gañar recentemente o Torneo Internacional Novas Promesas coa selección española U20 de loita grecorromana.