Lydia Pérez, ouro nacional e rumbo ao Europeo Sub-23

Pontevedra
04 de marzo 2019

O outro representante do Club de Loita Pontevedra, Pablo García, conseguiu a medalla de prata no Campionato de España Absoluto de Loitas Olímpicas celebrado en Santiago de Compostela

Lydia Pérez, co equipo nacional que competirá no Campionato de Europa Sub-23 en Serbia
Lydia Pérez, co equipo nacional que competirá no Campionato de Europa Sub-23 en Serbia

Gran papel o protagonizado polo Club de Loita Pontevedra no Campionato de España Absoluto de Loitas Olímpicas celebrado a fin de semana en Santiago de Compostela.

Dous eran os representantes do club pontevedrés, Lydia Pérez e Pablo García, e ambos os dous lograron subir ao podio nas súas respectivas categorías.

O mellor resultado foi o de Lydia Pérez, ao facerse coa medalla de ouro na proba de 62 quilos. Venceu na rolda inicial á madrileña Alba Rodríguez e á vasca María del Mar Gaitán, á que superou despois tamén na gran final. Ademais na semifinal desfíxose da madrileña Ana Talaverano.

Tras esta cita, a deportista pontevedresa afronta agora un dos seus grandes obxectivos do ano no Campionato de Europa Sub-23 que comeza este martes 5 de marzo en Novi Sad (Serbia).

En canto ao Nacional, tamén Pablo García logrou pisar o caixón na competición de loita libre de 74 quilos, aínda que tivo que conformase coa medalla de prata ao caer nunha apertada final ante o catalán Jonathan Álvarez. Antes, en semifinais superara ao madrileño Marco Cairo e en cuartos de final ao catalán Mohammad Ahmadi.