Lydia Pérez pon a súa mira nos Xogos do Mediterráneo

Pontevedra
07 de xuño 2018

A deportista do Club de Loita Pontevedra ultima no CAR de Madrid a súa preparación para os Xogos do Mediterráneo que se disputarán a finais de mes en Tarragona

Lydia Pérez (segunda pola dereita) na concentración no CAR de Madrid
Lydia Pérez (segunda pola dereita) na concentración no CAR de Madrid

Os Xogos do Mediterráneo que se disputan a final de mes en Tarragona son o próximo obxectivo internacional para a pontevedresa Lydia Pérez.

A deportista do Club de Loita Pontevedra ultima estes días no Centro de Alto Rendemento (CAR) de Madrid a súa preparación para a cita, que se celebrará na localidade catalá entre o 22 de xuño e o 1 de xullo.

Desde o luns e ata o sábado día 9 Lydia afronta unha concentración no  CAR no que comparte adestramentos con varias medallistas mundiais e olímpicas, como a tunisiana Marwa Al-Amri ou a sueca Sofía Mattsson, ademais de con o resto de integrantes da selección nacional.

Xunto á loitadora pontevedresa prepárase tamén outra galega Nerea Pampín (Club Keltoi de Vila de Cruces), no seu caso para preparar a súa participación no Campionato de Europa Junior de Loitas Olímpicas.