Lydia Pérez viaxa a Suecia como 'sparring' olímpica

Pontevedra
14 de xuño 2021

A deportista pontevedresa, que tras quedar fóra de Tokyo xa mira cara a París 2024, adestrará durante 10 días coa sueca Sofía Mattson, á que axudará a preparar a cita olímpica

Lydia Pérez, nunha competición internacional en 2020
Lydia Pérez, nunha competición internacional en 2020

Tokyo 2021 non serán os Xogos Olímpicos de Lydia Pérez Touriño, pero a pontevedresa non desiste no seu empeño e xa mira cara a París 2024 nun ciclo máis curto do habitual.

Por ese motivo calquera experiencia internacional suma, aínda que só sexa de preparación.

Con esa idea a deportista do Club Loita Pontevedra desprazouse ata Suecia para facer de 'sparring' a Sofía Mattson, que si competirá en Xapón.

Esta invitación demostra o nivel de Lydia Pérez, que pelexou ata o final a clasificación para Tokyo e que é unha habitual das grandes competicións internacionais no seu deporte.

O campo de adestramento en Suecia prolongarase desde este mesmo luns 14 ata o día 24 de xuño.