A Sociedad Gimnástica xa sabe ata onde terá que desprazarse na última xornada das ligas nacionais de atletismo, na que os seus equipos absolutos xogaranse a permanencia na División de Honra por parte do conxunto masculino e na Primeira División do feminino.
Os mozos, cun terceiro posto na xornada inicial e un segundo en Barcelona, teñen preto a súa continuidade na máxima categoría, pero deberán referendalo nunha final pola permanencia que terá lugar en Madrid.
No Polideportivo Aluche da capital, o vindeiro sábado 11 de xuño, os pontevedreses mediranse a Tenerife CajaCanarias, CD Surco Lucena, Trops-Cueva de Nerja, AA Catalunya, CAPEX, UCAM-Cartagena e o anfitrión AD Marathon, chegando como o segundo mellor equipo dos oito participantes.
Pola súa banda o mesmo día 11 de xuño e nunha situación algo máis comprometida tras un terceiro e un cuarto posto nos seus enfrontamentos previos, o equipo feminino da Gimnástica xogará as súas opcións no Estadio de Atletismo de Monzón (Huesca).
No seu caso os rivais por continuar na categoría serán Aldahra Lleida UA, Cornellà At., BidezÁbal Durango AT, UCAM-Cartagena, At. Femenino Celta, CA Silla e o local Hinaco Monzón.